Tuesday 07 de May de 2024

Os clubs de lectura dos colexios e institutos galegos acadan un terzo de todos os premios concedidos en toda españa


― Foron galardoados os colexios de Curtis, Laredo (Redondela), Sofía Casanova (Culleredo), Emilia Pardo Bazán (A Coruña), Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño) e os institutos Santiago Basanta Silva (Vilaba), Maximino Romero de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra)

― As bibliotecas escolares galegas volven situarse como un referente estatal en calidade e innovación

― Ademais, os colexios de Covas (Viveiro) e Torre Illa (Illa de Arousa) foron recoñecidos polo Ministerio de Educación no concurso nacional de boas prácticas

Os clubs de lectura das bibliotecas escolares galegas acadaron oito dos 24 premios nacionais que o Ministerio de Educación outorga a este tipo de agrupacións, é dicir un terzo do total.

En concreto, na modalidade para centros de Educación Primaria resultaron galardoados co segundo premio os colexios de Curtis, Laredo (Redondela) e Sofía Casanova (Culleredo); mentres que levaron o terceiro premio os colexios Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño).

Na modalidade de centros de Secundaria, os premiados foron o instituto Santiago Basanta Silva (Vilaba, cun primeiro premio) e os IES Maximino Romero de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra), ambos con segundos premios.

Deste xeito, as bibliotecas escolares galegas volven situarse como un referente estatal en calidade e innovación, tal e como poñen de relevancia as estatísticas nacionais ao respecto, con valores para a nosa comunidade superiores á media española no relativo á variedade e intensidade das actividades que se desenvolven nas bibliotecas dos centros de ensino.

Trátase, precisamente, dunha das principais apostas en programas educativos da Xunta de Galicia, que se reforzou en 2022 coa aprobación da terceira fase do Plan Lectura, Información e Aprendizaxe (LÍA) de bibliotecas escolares, a folla de ruta que guía as actuacións do Goberno galego nesta materia ata 2025 e cuxo orzamento é de aproximadamente 17M€, un incremento de máis do 20% ca na fase anterior. O obxectivo é dotar aos centros educativos de bibliotecas acordes ás necesidades do século XXI, avanzando tamén na inclusión.

Boas Prácticas
Cómpre salientar tamén que dous colexios galegos, o CEIP Torre Illa (A Illa de Arousa) e o CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro) resultaron tamén premiados no Concurso Nacional de Boas Prácticas. Deste xeito, o Ministerio de Educación y FP recoñece o labor de ambos os centros polo seu desenvolvemento de proxectos que contribúen á mellora da calidade educativa.

No caso do centro viveirense o proxecto, Covasmola, foi recoñecido no ámbito da saúde integral. Pola súa banda, o traballo do colexio arousán Enredando coa pesca, foi galardoado no ámbito do desenvolvemento sostible.